O «chamarilero»

Piedad Isla titulou esta foto como «El Chamarilero». É unha imaxe feita en Palencia, onde era fotógrafa e, onde amais de exercer esa profesión, fotografaba como aficción esceas da súa vida cotiá, a esas persoas coas que se cruzaba cada día e que se mostraban, non ante a cámara, senón ante ela sen a tensión coa que o facemos cando somos conscientes da importancia dese intre: naturalidade.

Atopei esta foto, para min descoñecida, lendo un xornal un luns pola maña e, nada máis vela, atopei nese rostro ao «home dos paus», ao «home dos cans», ao «home das latas», ao «José Luis, o portugués», ao «José Luis das outras» e, agora tamén, ao «chamarilero». É, sen dúbida, o home dos nomes. A foto, que é do ano 1957 reflexa a un José Luís máis mozo que o que eu lembro, xa a mediados da década dos anos 80, cun pelo máis canoso, pero desaliñado, coas mesmas cellas ben poboadas, a xogo cunha barba longa, coas mesmas marcas no cello que abranguían toda a fronte, co tempo máis profundas, e unha mirada triste, noble e humilde. No lado esquerdo do nariz tiña unha berruga que parece que cos anos foi gañándose o sitio, pero que xa se pode adiviñar nesta foto cando se amplia.

Andaba coa casa ao lombo, coas súas pertenzas gardadas en sacos que cargaba no seu lombo, nunha orde que só el entendía, e en paus que cruzaban de arriba a abaixo, dun lado ao outro e de diante atrás, formando unha coraza, reforzada de latas e instrumentos metálicos, quen sabe, tal vez froito do medo, penso eu. A algo debía temer. A roupa sentáballe como senta a roupa feita a medida doutro corpo e os zapatos eran, case sempre iguais nun e outro pé. 

E nunca ía só a ningures; sempre ía na compaña dos seus cans a todas partes… exactamente igual que na foto realizada por Piedad Isla fai 63 anos.